13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





2 dic 2011

O PPdeG rexeita elevar a imposición sobre as rendas altas e "garantir" o financiamento da sanidade sen copagamento

EUROPAPRESS

O proxecto de presupostos para 2012 seguiu a súa tramitación na Cámara galega este venres co debate en comisión das emendas que os grupos da oposición presentaron ao articulado do texto, e entre as que se atopaban crear un novo tramo do IRPF ou subir a imposición para as rendas máis altas, así como garantir que o financiamento da sanidade se realizará sen copagamento, propostas que foron rexeitadas.
   As emendas ao articulado, 54 presentadas polo PSdeG e 13 polo BNG (unha non foi admitida), son as que buscan cambiar a filosofía dos presupostos, que responden a unha "planificación rigorosa" e ao obxectivo de "estabilidade presupostaria", como destacou o Goberno galego dende a súa presentación e este venres recordou o deputado popular Alberto Sueiro.
   "Non debemos ser emendados polos que saíron tan mal parados na defensa do público", advertiu á oposición ante as palabras da socialista María José Caride, que viu "retratados" os populares nestas contas.
   Non obstante, socialistas e nacionalistas, que se apoiaron mutuamente a grande maioría deste conxunto de emendas --que non moven contías específicas propiamente, senón que introducen cambios de contido--, reclamaron "sinais" dirixidos á poboación, en palabras do deputado nacionalista Carlos Aymerich, como un novo tramo do IRPF, para facer ver que "todos tiran do carro, e non que os de sempre tiran del e outros van subidos".
   "Son fríos e duros con quen menos ten", denunciou a socialista María José Caride, quen criticou que o Goberno galego sexa "valente para privatizar ou para o copagamento, pero covarde para a defensa do público e para pedir a quen máis ten que faga un esforzo".

CONTIDO EMENDAS

   As emendas referidas a estas argumentacións son as número seis do PSdeG e do BNG, que neste caso, ademais do rexeitamento do PPdeG, contou coa abstención dos socialistas.
   Os nacionalistas propuxeron crear, no tramo autonómico, unha escala para os que cobran máis de 100.000 euros anuais, cunha porcentaxe aplicable do 25,5 por cento. "Non nos parece nada extraordinario", manifestou Aymerich, quen recorda que os países do ámbito teñen gravames por enriba aos de España.
   Polo seu lado, os socialistas, que si recibiron o apoio do BNG, pedían que, dentro da declaración individual, se aumentase un punto para o tramo entre 60.001 e 120.000 euros; e outro punto para unha declaración conxunta entre 90.001 e 150.000 euros e dous a partir de 150.001 euros.

COPAGAMENTO E AXUDAS A FILLOS

   Á marxe destas propostas, a deputada do PSdeG volveu propoñer "blindar" os servizos públicos. "Os presupostos da Xunta garantirán a prestación universal e gratuíta da asistencia sanitaria a todos os empadroados", reza unha das emendas rexeitadas (número 51).
   Outra (a número 52) reclama poñer por escrito que "o Goberno garantirá os custos de prestación dos servizos públicos (...) e que a sanidade pública e universal se financiará sen copagamento, nin directo nin indirecto".
   Pola súa banda, o deputado nacionalista fixo fincapé na necesidade de que as persoas que teñan a cargo fillos de menos de tres anos poidan acceder á prestación de 360 euros sen distinción cando os rendementos non superen os 23.000 euros.
   Na actual redacción da disposición adicional quinta, exclúense desta prestación ás persoas que, de forma voluntaria, e aínda sen chegar ao mínimo obrigatorio para presentar a renda, presentaran a declaración a Facenda.
   Isto, tal e como explicou Aymerich, impide acceder a esta axuda a unidades familiares con 10.000 euros de ingresos que fixesen a declaración ou persoas que, sen alcanzar o mínimo obrigatorio, tivesen dous pagadores (o que obriga a presentar a declaración).
   Os nacionalistas tamén demandaban modificar a taxa de reposición nos empregados públicos, de forma que non se computen as baixas en prazas ou se exclúan do límite marcado polo Estado os ámbitos de educación ou sanidade.
   A este respecto, o popular Alberto Sueiro replicou advertindo de que é un "acordo" da comisión bilateral que "o impide". "Non é aceptable dende o punto e hora que é unha disposición da comisión bilateral, aínda querendo, hai un acordo", remachou.

ANÉCDOTA NAS VOTACIÓNS

   A anécdota da comisión chegou á hora das votacións, que no caso da Comisión de Economía adoitan ser habitualmente complicadas pola disección de emendas para que os grupos poidan tomar posición específica.
   Neste caso, e por acordo dos tres grupos --como así o require o regulamento para estes casos--, foi necesario repetir a votación das únicas dúas emendas que o relatorio propoñía aceptar e o carácter das cales é técnico.
   Por erro ao non entender que se estaban a someter a votación esas dúas emendas, os deputados do PPdeG non levantaron a man, co que nun primeiro momento non prosperou a recomendación realizada polo propio Grupo Popular en relatorio.
   Aínda que podía ser corrixida esta votación no pleno, o acordo dos tres grupos permitiu que se incorporasen as dúas emendas ao texto do relatorio, que en todo caso, só contou co voto favorable dos populares.