13 DE MAIO DE 2010

13 DE MAIO DE 2010
13 DE MAIO DE 2010: GRAZAS!!!

NOTICIAS DA SAÚDE (EUROPA PRESS)

NOVAS DA SAÚDE

NOTICIAS GALIZA



NOVAS DE GALIZA:





COÑECE A NOSA ASOCIACIÓN


ESTATUTOS DA PLATAFORMA EN DEFENSA
DA SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA DE MONFORTE
.........................................................................................



CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1º: DENOMINACIÓN E NATUREZA
Coa denominación de “PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA ÁREA DE MONFORTE”, constitúese en Monforte de Lemos, o día 2 de setembro de 2010, unha organización de natureza asociativa e sen ánimo de lucro, ao amparo do disposto no artigo 22 da Constitución Española de 1978, a Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e demais disposicións vixentes ditadas no desenvolvemento e aplicación daquela, así como as disposicións normativas concordantes.
O réxime da Asociación determinarase polo disposto nos presentes Estatutos.

ARTIGO 2º.- ENDEREZO
O enderezo social da asociación radicará na localidade de Monforte de Lemos, provincia de Lugo.

ARTIGO 3º: ÁMBITO DE ACTUACIÓN
O ámbito territorial no que a Asociación realizará principalmente as súas actividades é na Autonomía de Galicia.

ARTIGO 4º: DURACIÓN
A Asociación constitúese por tempo indefinido.

CAPÍTULO II
OBXECTO DA ASOCIACIÓN

ARTIGO 5º: FINES E ACTIVIDADES
A Asociación non ten ánimo de lucro e os seus fines son os seguintes:
  1. Defender a Sanidade Pública como a mellor garantía dunha atención para toda a cidadanía en igualdade de condicións.
  2. Reclamar a continuidade dunha Área Sanitaria propia no sur de Lugo que dispoña de recursos técnicos, humanos e económicos suficientes e, sobre todo, capacidade para planificar, dispoñer, distribuír e xestionar os recursos.
  3. Promover a solución das deficiencias existentes no Hospital de Monforte e impulsar as melloras necesarias que se requiran para dar unha mellor atención aos cidadáns e cidadás.
  4. Actuar como plataforma de denuncia ante a opinión pública de cantas anomalías, irregularidades o arbitrariedades poidan cometerse por unha incorrecta utilización dos recursos técnicos, humanos e económicos do sistema sanitario público.
  5. Defender e colaborar con todas aquelas persoas e organizacións comprometidas na loita pola consecución de fines semellantes aos nosos.

E para a súa consecución desenvolverá as seguintes actividades:
a)    Denunciar e opoñerse a todos aqueles actos que supoñan menoscabo ou agresión á saúde ou aos sistemas sanitarios públicos.
b)   Organizar, promocionar ou subvencionar conferencias, mesas redondas, coloquios, cursos e convencións sobre a protección, defensa da saúde, da Área Sanitaria de Monforte e outros fines da Asociación.
c)   Constituír comisións e organizar seminarios para o estudo e debate de temas especí­ficos e xerais incluídos nos seus fines.
d)    Colaborar coas entidades, institucións, grupos e asociacións na promoción, defensa da saúde e defensa do sistema sanitario público e demais fines da asociación. 



CAPÍTULO III
REQUISITOS  E MODALIDADES DE ADMISIÓN E BAIXA, SANCIÓN E SEPARACIÓN DOS/DAS ASOCIADOS/AS

ARTIGO 6º .- ADQUISICIÓN DA CONDICIÓN DE ASOCIADO/A
Para adquirir a condición de asociado/a promotor/a requírese ser maior de idade ou menor emancipado con plena capacidade de obrar, non estar suxeito a ningunha condición legal para o exercicio do dereito e estar interesado/a nos fines da asociación.
No caso de que os/as socios/as sexan persoas xurídicas de natureza asociativa requirirase o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional, o acordo do seu órgano reitor.
Os menores non emancipados de máis de 14 años necesitan o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
Unha vez constituída a asociación, os/as asociados/as non promotores, ademais dos requisitos de capacidade establecidos nos parágrafos anteriores, deberán presentar unha solicitude de ingreso que debe ser aceptada polo órgano de goberno e representación.

ARTIGO 7º .- PERDA DA CONDICIÓN DE ASOCIADO/A
A perda da condición de Asociado/a pódese producir por algúns ou varios dos condicionantes seguintes:
1. Por desexo do/a asociado/a.
2. Por falta de pagamento de tres cotas.
3. Por incumprimento grave dos presentes Estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos sociais.
4. Por extinción da personalidade xurídica do/a asociado/a, persoa xurídica ou morte do /da asociado/a da persoa física.
No suposto 1 será suficiente a presentación ante o órgano de goberno e representación dun simple escrito no que manifeste inequivocamente a súa vontade de separación da Asociación. Os efectos serán automáticos, desde a data da súa presentación.
Para que opere o caso do punto 2, será necesaria a expedición, polo Tesoureiro, ou persoa ou órgano que desempeñe funcións análogas, de certificación de descuberto, rubricada de conformidade coa sinatura do/da Presidente/-a do órgano de goberno. Os efectos serán dende a súa notificación ao socio/a moroso/a, facéndose constar, necesariamente, a perda da condición de asociado/a.
Para que opere a causa 3 será requisito indispensable, acordo da Asemblea Xeral adoptado por maioría simple das persoas presentes ou representadas, isto é, cando os votos afirmativos superen os negativos, motivándose suficientemente previa instrución pola Xunta Directiva do correspondente expediente sancionador, no que se dará audiencia ao/á interesado/a.


CAPÍTULO IV
DEREITOS E OBRIGAS DOS/DAS ASOCIADOS/AS

ARTIGO 8º .- DEREITOS
Son dereitos dos/das asociados/das:
1. Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, a exercer o dereito de voto, así como a asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos Estatutos.
2. Ser informados/as acerca da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
3. Ser oído/a con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e a ser informado/a dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
4. A acceder á documentación da asociación, a través do órgano de goberno e representación.
5. A usar os bens e instalacións de uso común da asociación, con respecto a igual dereito do resto dos socios/as.
6. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos Estatutos.

ARTIGO 9º .- OBRIGAS
Constitúen deberes dos/das socios/as:
1. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
2. Pagar as cotas, derramas e outras achegas que, de acordo cos Estatutos, poidan corresponder a cada socio/a.
3. Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.
4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.


CAPÍTULO V
DOS ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN. RÉXIME DE ADMINISTRACIÓN

ARTIGO 10º . ÓRGANOS DE GOBERNO E REPRESENTACIÓN
O Órgano Supremo de Goberno da Asociación será a Asemblea Xeral de Asociados/as ou Asemblea Xeral.
O órgano de Goberno e Representación da Asociación é a Xunta Directiva.

SECCIÓN 1ª
DA ASEMBLEA XERAL DE ASOCIADOS/AS

ARTIGO 11º: NATUREZA
O Órgano Supremo de Goberno e soberano da Asociación é a Asemblea Xeral de Asociados/as ou Asemblea Xeral, integrada pola totalidade dos/das asociados/as que se atopen en uso pleno dos seus dereitos sociais.
Adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna e deberá reunirse, cando menos unha vez ao ano.
As Asembleas Xerais de Asociados/as rexeranse, en canto á súa organización e funcionamento, polo establecido nos Estatutos e, no seu defecto, polo disposto na Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo.

ARTIGO 12º: CONVOCATORIA, ORDE DO DÍA E COMPOSICIÓN
As reunións da Asemblea Xeral serán convocadas polo Presidente da Xunta Directiva, ben
a)    Por iniciativa propia
b) Polo acordo da Xunta Directiva (neste caso, o/a Presidente/a da Xunta Directiva haberá de convocala no prazo máximo de quince días naturais desde a data do acordo).
c) Por solicitude subscrita por un número de asociados/as non inferior ao 10 por 100 (neste caso, a solicitude de convocatoria, que se presentará ao/á Secretario/a da Xunta Directiva, terá que conter expresamente o día da sesión, axuntando a documentación que, no seu caso, fose necesaria para a adopción dos acordos. O/a Presidente/a da Xunta Directiva convocará a Asemblea no prazo máximo de quince días naturais dende a súa presentación). A Asemblea Xeral de Asociados/as haberá de convocarse, ao menos, unha vez ao ano, ao obxecto de tratar os seguintes asuntos incluídos na orde do día, no seu caso:
1.    Lectura e aprobación da Acta da reunión anterior.
2.    Exame e aprobación das Contas do exercicio anterior.
3.    Exame e aprobación dos Orzamentos do exercicio.
4.    Exame da memoria de actividades e aprobación, no seu caso, da xestión da Xunta Directiva.
5.    Aprobación do programa de Actividades.

Así mesmo, será necesaria a celebración da Asemblea Xeral de Asociados/as para o estudo e aprobación, no seu caso, dos seguintes asuntos:
1.    Modificación parcial ou total dos Estatutos.
2.    Disolución da Asociación.
3.    Nomeamento da Xunta Directiva.
4.    Disposición e alleamento dos bens
5.    Constitución dunha Federación, Confederación ou Unión de Asociacións ou  a súa integración nela se xa existise.
6.    Aprobación do cambio de domicilio.
7.    Acordar a perda da condición de asociado/a, de conformidade co disposto no artigo 7, punto 3.

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída, previa convocatoria efectuada quince días antes da reunión, cando concorran a ela, presentes ou representados, un terzo dos/das asociados/as.
O/a Presidente/a e o/a Secretario/a da Asemblea serán designados ao inicio da reunión.
Para o cómputo de asociados/as o do número de votos total, as representacións terán que presentárselle ao/á Secretario/a con inmediación ao inicio da sesión.

ARTIGO 13º: FORMA DE DELIBERAR, ADOPTAR E EXECUTAR ACORDOS
Todos os asuntos debateranse e votarán pola orde en que estivesen relacionados na orde do día. O/a Presidente/a iniciará o debate abrindo unha primeira quenda de intervencións, na que se fará uso da palabra, previa a súa autorización. Igualmente o/a Presidente/a moderará os debates, podendo abrir unha segunda quenda ou conceder a palabra por alusións.
Finalizado o debate dun asunto, procederase a súa votación.
Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos, excepto cando se trate de modificación de Estatutos, Disolución da Asociación, disposición ou alleamento de bens, e remuneración dos membros da Xunta Directiva, en cuxo caso esixirase a maioría absoluta.
Os acordos adoptados serán executados polo/a Presidente/a da Xunta Directiva ou pola persoa designada o propio acordo, na forma e no tempo que teñan sido adoptados.

ARTIGO 14º: DELEGACIÓNS  DE VOTO OU REPRESENTACIÓNS
A representación ou delegación de voto só será válida para a sesión da Asemblea Xeral pola que se expida, sendo nula calquera delegación ou representación indefinida.
Para que sexa efectiva esta representación haberá de facerse constar por escrito, coa indicación dos datos persoais, documento nacional de identidade ou similar e número de asociado/a do delegante ou representado e do delegado/a ou representante, coa firma de ambos, precedida dos seus nomes e apelidos.
Ningún/ha asociado/a poderá representar a máis de cinco asociados/as na mesma reunión da asemblea xeral.


SECCIÓN 2ª
DA XUNTA DIRECTIVA

ARTIGO 15º.- COMPOSICIÓN E DURACIÓN.
A Xunta Directiva é o órgano colexiado de goberno, representación e administración da asociación, que xestiona e representa os intereses da asociación de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea xeral, sen prexuízo das potestades desta como órgano supremo de goberno e soberano.
Só os/as asociados/as poderán formar parte da Xunta Directiva.
Estará composta por:
Presidente
Vicepresidente
Secretario/a
Tesoureiro/a
Vogais
A súa duración será de 2 anos, podendo os seus membros ser reelixidos/as indefinidamente.

ARTIGO 16º.- ELECCIÓNS  E SUBSTITUCIÓN.
Para ser membro da Xunta Directiva serán requisitos imprescindibles ser maior de idade, estar en pleno uso dos dereitos civís, ser asociado/a cunha antigüidade mínima dun ano e non estar incurso nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.
O requisito de antigüidade exceptúase para a constitución da primeira Xunta Directiva.
Os membros da Xunta Directiva serán elixidos na Asemblea xeral, de conformidade co disposto nestes Estatutos.
Convocada Asemblea Xeral para a designación da Xunta Directiva, os/as socios/as que pretendan exercer o seu dereito de elixibilidade, terán que presentar a súa candidatura ante a Xunta Directiva saínte cunha antelación, como mínimo, de vinte e catro horas á celebración da Asemblea Xeral.
Producida unha vacante na Xunta Directiva, esta poderá designar a outro membro da mesma para a súa cobertura, ata que se produza a súa elección pola Asemblea Xeral na primeira sesión que se celebre.

ARTIGO 17º.- CESAMENTO.
Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:
a)    Por morte ou declaración de falecemento.
b)    Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
c)    Por resolución xudicial.
d)    Por transcurso do período do seu mandato. Non obstante, ata que non preceda á Asemblea Xeral subseguinte para a elección da nova Xunta Directiva, a Xunta Directiva saínte continuará en funcións, debéndose expresar o devandito carácter en cantos documentos haxa que firmar.
e)    Por renuncia.
f)     Por acordo adoptado coas formalidades estatutarias, en calquera momento, pola Asemblea Xeral.
g)    Pola perda da condición de asociado/a.

Os cesamentos e nomeamentos deberán de ser comunicados ao Rexistro de Asociacións, para a súa debida constancia e publicidade.

ARTIGO 18º.- DO/A PRESIDENTE/A.
Correspóndelle ao/á Presidente/-a:
a)    Ostentar a representación da Asociación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas.
b)    Convocar as reunións da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, presidilas, dirixir os seus debates, suspender e levantar as seccións.
c)    Executar os acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral, podendo para iso realizar toda clase de actos e contratos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin.
d)    Cumprir e facer cumprir os acordos da Xunta Directiva e Asemblea Xeral.
e)    Ordenar os gastos e os pagamentos da Asociación.
f)     Dirimir co seu voto os empates.
g)    Visar as actas e certificacións dos acordos da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
h)    Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de Presidente da Xunta Directiva e da Asociación.

ARTIGO 19º.- DO VICEPRESIDENTE.
Corresponderalle ao/á Vicepresidente/a realizar as funcións do Presidente/a nos casos de estar vacante o cargo por ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Asociación naqueles supostos en que así se decida pola Xunta Directiva ou Asemblea Xeral, segundo os acordos.

ARTIGO 20º.- DO/DA SECRETARIO/A.
Correspóndelle ao/á Secretario/a da Xunta Directiva as seguintes funcións:
a)    Asistir ás sesións da Xunta Directiva e Asemblea Xeral e redactar e autorizar as actas daquelas.
b)    Efectuar a convocatoria das sesións da Xunta Directiva e Asemblea, por orde do Presidente, así como as citacións dos membros daquela e socios/as desta.
c)    Dar conta inmediata ao/á Presidente/a da solicitude de convocatoria efectuada polos asociados/as na forma prevista no artigo 12º dos presentes Estatutos.
d)    Recibir os actos de comunicación dos membros da Xunta Directiva con relación a esta e dos/das socios/as e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións, certificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.
e)    Preparar o despacho dos asuntos, coa documentación correspondente que teña que ser utilizada ou tida en conta.
f)     Expedir certificacións dos acordos aprobados e aqueloutras certificacións, co visto e prace do/da Presidente/a, así como os informes que for precisos.
g)    Ter baixo a súa responsabilidade e custodia o arquivo, documentos e Libros da Asociación, a excepción do / dos libro/s de contabilidade.
h)   Aqueloutras funcións inherentes a súa condición de Secretario/a.

Nos casos de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, o/a Secretario/a será substituído polo vocal de menor idade.


ARTIGO 21º.- DO/DA  TESOUREIRO/A.
Correspóndelle ao/á Tesoureiro/a:
a)    Recadar os fondos da Asociación, custodialos e investilos na forma determinada pola Xunta Directiva.
b)    Efectuar os pagamentos, co visto e prace do/da Presidente/a.
c)    Intervir coa súa sinatura todos os documentos de cobros e pagamentos, co visto e prace do/da Presidente/a.
d)    O feito de levar os libros de contabilidade e o cumprimento das obrigas fiscais, no prazo e na forma, da Asociación.
e)    A elaboración do anteproxecto de Orzamentos para a súa aprobación pola Xunta Directiva, co gallo de sometelo á Asemblea Xeral. Na mesma forma procederase de acordo ao Estado Xeral de Contas para a súa aprobación anual pola Asemblea Xeral.
f)     Efectuar e actualizar o inventario dos seus bens.
g)    Aqueloutras funcións inherentes a súa condición de tesoureiro/a, como responsable da xestión económica financeira.

ARTIGO 22º.- DOS/DAS VOGAIS.
Os/as Vogais terán as misións específicas encomendadas pola Asemblea Xeral e a propia Xunta Directiva. O número de vogais será determinado pola Asemblea Xeral na correspondente convocatoria para a elección da Xunta Directiva.

ARTIGO 23º.- CONVOCATORIA, CONSTITUCIÓN E SESIÓNS.
1.- Para a válida constitución da Xunta Directiva, a efectos da celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, deberán estar presentes a metade dos seus membros requiríndose, necesariamente, a presenza do/da Presidente/a e do/da Secretario/a ou de quen os substitúan.
2.- A Xunta Directiva reunirase, cando menos, unha vez ao trimestre e cantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Asociación, mediante convocatoria realizada polo/a Presidente/a, a iniciativa propia ou de calquera dos seus membros.
3.- A convocatoria, cos seus elementos formais (orde do día, lugar e data...), farase chegar cunha antelación mínima de 48 horas a súa celebración.
4.- As deliberacións faranse da mesma forma que se sinalou no artigo 14 para a Asemblea Xeral. Os acordos adoptaranse por maioría simple dos votos emitidos, dirimindo o voto do/da Presidente/a en caso de empate.
5.- Non poderá adoptarse ningún acordo que non figure na orde do día, salvo que, estando presentes a totalidade dos membros que compoñen a Xunta Directiva, o acorden por unanimidade.
6.- Igualmente quedará validamente constituída a Xunta Directiva sen convocatoria previa, cando estando presentes todos e cada un dos membros, así se acorde por unanimidade, estándose ao mencionado no apartado anterior en canto aos acordos. As Xuntas así constituídas recibirán a denominación de Xunta Directiva Universal.
7.- Ás sesións da Xunta Directiva poderán asistir aquelas persoas con funcións de asesoramento, previamente citadas ou invitadas polo Presidente, con voz e sen voto para un mellor acerto das súas deliberacións.
8.- Os acordos da Xunta Directiva executaranse da mesma forma que se establece no artigo 14 para a Asemblea Xeral.

ARTIGO 24º.- COMPETENCIAS.
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
a)    Confeccionar o Plan de Actividades.
b)    Outorgar poderes xerais ou especiais.
c)    Organizar e desenvolver as actividades aprobadas pola Asemblea Xeral.
d)    Aprobar o Proxecto de Orzamento para a súa aprobación definitiva pola Asemblea Xeral.
e)    Aprobar o estado de Contas elaborado polo/a Tesoureiro/a, para a súa aprobación definitiva, e se procede, pola Asemblea Xeral.
f)     Elaborar a Memoria anual de actividades para o seu informe á Asemblea Xeral.
g)    Crear as Comisións de Traballo que estime conveniente, para o desenvolvemento das funcións encomendadas e as actividades aprobadas, así como para aqueloutras cuestións derivadas do cumprimento dos fines sociais. As devanditas comisións regularán  o seu funcionamento interno na forma que se acorden por estas na súa primeira sesión constitutiva.

ARTIGO 25º.- CARÁCTER GRATUÍTO DO CARGO.
Os membros da Xunta Directiva exercerán o seu cargo gratuitamente, sen que en ningún caso poidan recibir retribución polo desempeño da súa función, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados nos gastos ocasionados no exercicio dos cargos, sempre que estes se encontren debida e formalmente xustificados.



SECCIÓN 3ª
DISPOSICIÓNS COMÚNS AOS ÓRGANOS

ARTIGO 26º.- DAS ACTAS
1.- De cada sesión que celebre tanto a Asemblea Xeral como a Xunta Directiva levantarase acta polo Secretario/a, que especificará necesariamente o quórum necesario para a válida constitución (de ser o caso da Xunta Directiva especificaranse necesariamente os asistentes), a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e do tempo en que se celebraron, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.
2.- Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros e/ou socios/as, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.
3.- As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión, podendo, non obstante, emitir o/a Secretario/a, certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta.
Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
4.- As Actas serán asinadas polo/a Secretario/a e visadas polo/a Presidente/a

ARTIGO 27º.- IMPUGNACIÓN DOS ACORDOS.
Os/as asociados/as poderán impugnar os acordos e as actuacións da asociación que estimen contrarios aos Estatutos dentro do prazo de corenta días, a partir da data de adopción dos mesmos, instando á súa rectificación ou anulación e a suspensión preventiva no seu caso, ou acumulando ambas pretensións polos trámites establecidos na Lei de Axuizamento Civil.
Mentres se resolven as contendas de orde interna que poidan suscitarse na asociación, as solicitudes de constancia rexistral que se formulen sobre as cuestións controvertidas só darán lugar a anotacións provisionais.

CAPÍTULO VI
RÉXIMEN DOCUMENTAL E CONTABLE, PATRIMONIO INICIAL E RECURSOS ECONÓMICOS

ARTIGO 28º.- RÉXIMEN DOCUMENTAL E CONTABLE.
A asociación disporá dos seguintes documentos:
a)    Un libro de socios/as que conterá unha relación actualizada dos seus asociados/as.
b)    Libros de contabilidade que permitan obter a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como das actividades realizadas. Tal contabilidade levarase de conformidade coa normativa específica que lle resulte de aplicación.
c)    Inventario dos seus bens.
d)    Libro de actas das reunións dos seus órganos de goberno e representación.

ARTIGO 29º.- PATRIMONIO INICIAL.
O patrimonio inicial da asociación é de 120 euros.

ARTIGO 30º.- FINANCIAMENTO.
A asociación, para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase:
a)    Cos recursos que proveñan do rendemento do seu patrimonio, de ser o caso.
b)    Coas cotas dos/das socios/as, ordinarias ou extraordinarias.
c)    Cos donativos ou subvenciones que puidesen ser concedidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas.
d)    Doazóns, herdanzas ou legados, aceptadas pola Xunta Directiva.
e)    Cos ingresos provenientes das súas actividades.

ARTIGO 31º.- EXERCICIO ECONÓMICO E ORZAMENTO.
1.- O exercicio económico coincidirá co ano natural, polo que comezará o 1 de xaneiro e finalizará o 31 de decembro de cada ano.
2.- Anualmente a Xunta Directiva confeccionará o Orzamento e será aprobado en Asemblea Xeral.
3.- As contas da Asociación aprobaranse anualmente pola Asemblea Xeral.


CAPITULO VII
DISOLUCIÓN E APLICACIÓN DO CAPITAL SOCIAL

ARTIGO 32º.- CAUSAS DE DISOLUCIÓN.
A asociación disolverase polas seguintes causas:
a)    Por acordo adoptado por maioría cualificada en Asemblea Xeral de Socios/as.
b)    Polas causas que se determinan no artigo 39 do Código Civil.
c)    Por sentenza xudicial firme.

ARTIGO 33º.- DESTINO DO PATRIMONIO.
A disolución da asociación abrirá o período de liquidación, ata cuxo fin a entidade conservará a súa personalidade xurídica.
Os membros de órgano de representación no momento da disolución converteranse en liquidadores. No suposto de disolución por sentenza xudicial firme, será o xuíz quen designe aos mesmos.
Correspóndelle aos liquidadores:
a)    Velar pola integridade do patrimonio da asociación.
b)    Concluír as operacións pendentes e efectuar as novas que sexan precisas para a liquidación.
c)    Cobrar os créditos da asociación.
d)    Liquidar o patrimonio e pagar aos acredores.
e)    Aplicar os bens sobrantes da asociación aos fines previstos polos presentes Estatutos.
f)     Solicitar a cancelación dos asentos no Rexistro.

No caso de insolvencia da asociación, o órgano de representación ou, de ser o caso, os liquidadores han de promover inmediatamente o oportuno procedemento do concurso perante o xuíz competente.
O patrimonio resulta despois de efectuadas as operacións previstas na Lei de Asociacións destinarase a entidades non lucrativas que persigan fines de interese xeral análogos aos realizados pola mesma.

Monforte de Lemos,  2 de setembro de  2010